9, Febreiro 2015

A comarca de Carballiño destaca como a segunda da provincia, só por detrás da de Ourense, en xeración de empregos dentro do sector tecnolóxico, tal e como trascendeu hoxe na presentación de resultados do Observatorio Económico da Deputación Provincial de Ourense que tivo lugar no Salón de Plenos do Concello do Carballiño diante dos alcaldes, técnicos de emprego, axentes empresariais e sociais, e representantes de distintas asociacións e agrupacións da comarca.

 Segundo os datos divulgados hoxe, Carballiño concentra o 14% das afiliacións á Seguridade Social no sector tecnolóxico, moi por diante das dúas comarcas que lle siguen no ranking provincial: Valdeorras, co 5,9% das afiliacións da provincia nas actividades tecnolóxicas, e Allariz-Maceda co 5,1%. A primeira comarca en representatividade é a de Ourense, co 56,7% dos 3.482 empregos tecnolóxicos da provincia, segundo datos do Observatorio Económico da Deputación.

  No período de dous anos que vai entre setembro de 2012 e o mesmo mes de 2014, as afiliacións do sector tecnolóxico creceron un 26,5% en Carballiño, onde o maior peso laboral se concentra no grupo formado pola industria química, automoción, fabricación de material e equipamento eléctrico, e fabricación de maquinaria e equipamento.

Segundo motor do emprego

 Máis alá da análise específica do sector tecnolóxico, os resultados xerais do Observatorio Económico destacan que Carballiño afiánzase como o segundo motor laboral da provincia, ao ampliar ata 110 afiliacións o seu diferencial sobre Valdeorras. A finais de 2014 tiña un total de 7.930 traballadores en alta, ao conseguir limitar a baixada interanual ao 0,75% -e ao 0,6% no caso concreto do concello do Carballiño-, cifra que reflicte a estabilización do seu mercado laboral.

 Na evolución do paro, en 2014 logrou o importante fito de acadar baixadas xeralizadas en todos os concellos da comarca, exclusividade que só aconteceu noutras tres comarcas ourensás: Allariz-Maceda, O Ribeiro e Terra de Celanova. Así, pechou o ano cun descenso do 3,5% no número de parados, proporción que a nivel local achegouse ao 10% nos municipios de Boborás, Beariz e Punxín.

Novos criterios de financiación

 A través desta iniciativa do Inorde, as presentacións comarcais do Observatorio permiten coñecer os novos criterios de selección de proxectos financiables pola Unión Europea durante o período 2014-2020, nos que resultará básica a cooperación intermunicipal e a acción coordinada entre administracións, entidades locais e axentes económicos e sociais.

  O xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, destacou na su intervención que a comarca de Carballiño terá un acentuado protagonismo nas catro liñas estratéxicas da Deputación en materia de fondos europeos: os proxectos “Ourense Provincia Intelixente”, “Ourense Termal” e “Competitividade Ourense”, e a nova Axencia Provincial de Enerxía e Medio Ambiente que canalizará accións orientadas á eficiencia enerxética, á sustentabilidade e á renovación de estruturas. A través desta iniciativa do Inorde, os concellos da comarca e as diferentes entidades e colectivos locais realizarán propostas para definir novos proxectos integrados, para identificar focos de interés e para activar a captación de fondos europeos adaptándose aos renovados criterios de financiamento.

 Por outra parte, á hora de trasladar os principais resultados comarcais do Observatorio -integrado no Plan de Xestión e Estratexia Operativa da Deputación de Ourense (Plan OU92)-, o xerente do Inorde asegurou que  “o máis tranquilizador da situación actual da provincia é comprobar que o emprego máis estable estase a dar nos chamados sectores estratéxicos, como é o caso da industria, da alta e media tecnoloxía e das actividades do sector servizos de maior compoñente innovador”.

  Argumentou que á industria, á tecnoloxía e ós servizos especializados van ligados habitualmente maiores salarios e cotizacións sociais máis elevadas, “coa conseguinte repercusión sobre o consumo, sobre a capacidade de gasto das familias, sobre o aforro e sobre as futuras pensións”. Ademais, o xerente do Inorde lembrou que “os sectores tecnolóxicos e os servizos máis desenvolvidos son precisamente a chave para acadar o crecemento económico rexional e local”.

  Despois de pormenorizar nos datos comarcais, José Manuel Rodríguez precisou que a pesares do leve empeoramento dos últimos meses, a provincia pechou o ano 2014 con seis comarcas e con 46 concellos en situación de xeración neta de emprego, e co pleno das doce comarcas e con 78 dos 92 concellos reducindo a cifra de paro en taxa interanual.

              

9, Febreiro 2015

Os alumnos do Obradoiro dos concellos do Carballiño, Boborás e San Amaro 2014, finalizaron os seus traballos, que no caso do municipio carballiñé centraronse principalmente no arranxo da entrada ao cemiterio de Señorín, onde executaron obras de lousado e axardinamento.

Así mesmo procedeuse a executar obras de axardinamento nas beirarrúas de entrada, plantando os tradicionais cipreses dos cemiterios, a lárgoa do muro.

Por outro lado os alumnos deste Obradoiro de emprego tamén realizaron a rehomologación do sendeiro que vai dende A Ponterriza ata O Carballiño.

Este Obradoiro Carbosam 2014 contou cun investimento de 250.000 euros, dos cales a achega do concello do Carballiño foi de 20.000 (neste estaban tamén os concellos de Boborás e San Amaro)

En total traballaron nesta iniciativa laboral 27 persoas, 7 no cadro directivo, docente e administrativo, e 20 alumnos, repartidos en módulos de albanelaría e xardinaría.

A edil de Traballo teresa Cerdeira sinalaba que "como todos os obradoiros, foi unha experiencia máis que positiva para os alumnos, que completaron en moitos casos a súa formación para afrontar un futuro laboral," así mesmo recordou que contaremos cun novo obradoiro de emprego este ano, que permitirá ofrecer máis oportunidades aos nosos veciños no campo laboral".

8, Febreiro 2015

O Arenteiro acabou cedendo un empate nun partido que pudo e debeu sentenciar antes de que o Valadares igualara o marcador ao transformar un penalti cometido polo meta local Pachi, que ademáis foi expulsado nesa xogada. Os vigueses, que con este empate suman 10 partidos consecutivos sen perder, levaronse de Espiñedo un excesivo premio para o visto esta tarde.

CD Arenteiro: Pachi, Gele, D.López, Lois, Pana, Dafonte, V. Gallego, Bardelás, Sanginés, Martín Pérez, e M. Sotelo. Tamén xogaron Marcos Nieto, Manu, D.Vázquez, D. Quiroga e Brais.

Goles:

1-0. Minuto 5. Marcos Sotelo lanza un córner e Calao, no intento de despexe, introduce o balón en propia meta.

1-1. Minuto 76. Doble erro, do meta local Pachi cometendo penalti sobre un dianteiro do Valadares, e erro do trio arbitral (Montoto Taboada con Diaz Álvarez e García Carrera, do colexio de Pontevedra) porque o xogador que é obxeto do penalti está en fora de xogo. Marquitos transforma a pena máxima, xa con Marcos Nieto na portería do Arenteiro.

O Partido: Dominado desde principio a fin polo Arenteiro, incluso os últimos 18 minutos nos que o Arenteiro xogou cun home menos. Volveu o Arenteiro ser o equipo intenso do tramo final da primeira volta e tan so a falta de definición ante a portería rival e, porque non decilo, as sensacionais intervenciós do meta visitante Adrián, impediron que o Arenteiro gañase este encontro, que polo ofrecido por unhos e outros, sería o máis xusto.

5, Febreiro 2015

O Candidato a alcaldía de O Irixo, Iago Fariñas Valiña, desgranou durante a súa presentación o pasado sábado, algúns dos problemas do concello, do que dixo "ser un concello con moitas posibilidades, pero nun estado de abandono e deixadez dende fai 29 anos, un concello no que había que recuperar a ilusión e poñerse a traballar para darlle a volta a esta situación, con moito traballo e ilusión para colocalo no lugar que lle corresponde".

Iago Fariñas comprometeuse durante a súa presentación do pasado sábado, a traballar de forma decidida por fomentar a natalidade no concello, xa que un concello onde non nacen nenos é un concello condenado á desaparición; polo que se obrigou, de ser o novo alcalde do Irixo, a destinar tres mil euros para cada neno que nacera no Irixo, “se din que os nenos nacen cun pan debaixo do brazo, no Irixo viran cunha petada o máis grande posible, en forma de axuda de tres mil euros...” “comprométome a destinar todos os recursos que fagan falta, incluso o soldo do alcalde se fose preciso...”.

Comprometeuse a poñer en marcha unha gardaría pública nunha parte dos antigos locais do grupo escolar que foron cedidos no seu día ó concello por parte da Consellería de educación, precisamente para a construción dunha gardaría que nunca foi construída. Esta infraestructura é necesaria para axudar ás familias e reforzar o grupo escolar, para así evitar a súa desaparición.

Fariñas aposta por un concello que se preocupe por que os rapaces do Irixo se formen e teñan as mesmas posibilidades que os nenos da cidade, poñendo en marcha un sistema de becas que complementen ás de outras administracións se fose preciso para que todos os nenos do Irixo se queren poidan estudiar ou formarse nun oficio como calquer outro neno.

 Tamén promover e a incentivar, dende o concello, iniciativas empresarias, a fomentar o cooperativismo, e asesorar a todos os veciños, e comunidades de montes ca creación dunha asesoría xurídica no concello que axude a poñer en marcha calquera iniciativa que xenere riqueza e traballo para os veciños do Irixo. asi como apostar en exclusiva polos veciños e os empresarios do Irixo para recuperar o concello sexa cal sexa o traballo.

A apostar pola formación das persoas en situación de desemprego, cunha escola taller para que poidan desempeñar tarefas de recuperación de todo o rico patrimonio co que conta o Irixo, ou formación en axuda domiciliaria no fogar a persoas que o precisen, tamén  por unha axuda no fogar a persoas maiores ou dependentes que de cobertura a tódolos veciños que o precisen sen listas de espera.

O candidato socialista quere poñer en marcha a creación dun selo de calidade de produtos ecolóxicos e de calidade do Irixo, de mel, de castañas, cogomelos e carne..

Tendo en contra que o concello do Irixo é dos máis extensos da provincia e a gran dispersidade da poboación, onde se perderon fai anos os coches de liña e apenas existen trens, Fariñas se comprometeu a poñer en marcha no primeiro ano de goberno un transporte municipal gratuíto ou a un precio simbólico, para todos os veciños do concello que comunique os distintos pobos e parroquias ca capitalidade do concello para que os veciños poidan desprazarse ó médico ou a facer as súas compras, ampliando este servicio ó Carballiño se fose necesario.

Finalmente,  comprometeuse durante a campaña electoral  a falar con tódolos veciños e incluír no seu programa todas as necesidades que lle plantexen os seus veciños que son moitas e moi diversas; se comprometeu así mesmo a adicarse en exclusiva a tarefa de facer do Irixo un gran concello, onde se recupere a memoria histórica e as súas festas populares e tradicións como a feira do Tellado, e sobre todo a estar sempre dispoñible para tódolos veciños, a estar en todos os pobos ca xente, e sobre todo facer asembleas de veciños para falar, e acordar con todos o rumbo e as necesidades dos, pobos, das parroquias e do concello, para construír un concello dos veciños e para os veciños.

 

5, Febreiro 2015

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, visitou hoxe o Centro de Información á Muller (CIM) da Mancomunidade do Ribeiro onde o Goberno galego leva investidos preto de 185.000 euros nos últimos 5 anos, para o seu mantemento e coa finalidade de garantir a prestación dun servizo de información ás mulleres e a promoción da igualdade.

Rogelio Martínez mantivo unha xuntanza co presidente desta mancomunidade e alcalde de Leiro, Francisco Fernández, e co persoal do CIM para coñecer de preto os programas desenvoltos neste centro así como os servizos e informacións máis demandados. O CIM do Ribeiro conta con 5 traballadores, entre a directora e o persoal destinado ao asesoramento psicolóxico e xurídico e á dinamización sociocultural. O ano pasado atenderon a 112 persoas -96 mulleres e 16 homes- e 298 consultas.

Desde a pasada lexislatura, remarcou Martinez, "o goberno galego está apostando pola suma de esforzos entre as administracións, na procura dunha xestión eficiente dos recursos e un benficio marior para a cidadanía, xa que evitan duplicidades e solapamentos innecesarios".

O delegado territorial explicou que con este obxectivo, o que a Xunta prima nas súas axudas e subvencións a aqueles concellos que aposten pola prestación conxunta de servizos, como é o caso do CIM da Mancomunidade do Ribeiro, que desde a data da súa creación, en 2005, decidiu presentarse ás axudas a entidades locais de Igualdade agrupando aos concellos que integran esta entidade supramunicipal: Leiro, Cenlle, Beade, Cortegada e Arnoia. A súa área de influencia é maior e os seus servizos beneficia a todos os concellos da comarca.

En 2014 a esta Mancomunidade correspondeulle preto de 45.000 euros para o mantemento do CIM. Ademais, recibiu máis de 5.200 euros para programas de sensibilización e prevención da violencia de xénero no marco das subvencións recibidas na Orde de Entidades Locais 2014.

O CIM do Ribeiro organizou durante o ano pasado un ciclo de cine coa proxección de películas relacionadas coa violencia de xénero e a igualdade, distintas charlas sobre un amplo abano de temas e máis dunha ducia de obradoiros.

2, Febreiro 2015

O Grupo Municipal do PSdeG pon en marcha un ciclo de Foros coa Cidadanía, co obxectivo  de coñecer as inquedanzas e demandas dos distintos sectores sociais do Carballiño e incorporalas ao seu programa electoral.

O portavoz  do PSdeG e candidato á alcaldía, Paco Fumega, explicou hoxe en rolda de prensa que o obxectivo é que o programa socialista sexa participativo, e que se lle dea cabida ao que realmente lle interesa á cidadanía escoitando as súas propostas, “co fin de conseguir entre todos transformar O Carballiño de hoxe, que é unha vila morta, nun Carballiño con futuro, nunha vila viva”.

Os Foros estarán abertos á participación da cidadanía en xeral, e en particular dos colectivos que aglutinan aos principais sectores veciñais, sociais, culturais, empresariais e xuvenís. Os eixos fundamentais de debate, e que centrarán o programa electoral do PSdeG, serán "un modelo de goberno transparente, a promoción económica e a creación de emprego, o freo da emigración e o impulso da mocidade como motor de cambio e a eficiencia dos servizos públicos".

Así, o ciclo de foros iníciase este venres 6 de febreiro cun encontro centrado na transparencia e participación no goberno, ao que acudirá o portavoz do Grupo Parlamentario do PSdeG no Parlamento de Galicia, que foi ademais conselleiro da Presidencia na Xunta, Xosé Luís Méndez Romeu.

O 20 de febreiro terá lugar o segundo foro, centrado na promoción da economía e a creación do emprego, unha das cuestións que mais preocupa á cidadanía, e na que participará o deputado e economista Abel Losada.

Xa no mes de marzo, o venres día 6 o tema central será a eficiencia dos servizos públicos e sociais, coa asistencia da responsable desta área no grupo parlamentario do PSdeG, a deputada Carmen Gallego.

O día 20 de marzo, o eixo fundamental do foro será a integración da xuventude ao cambio que necesita O Carballiño, co fin de artellar propostas para evitar a masiva emigración da xeración máis preparada.

Fumega explicou que con estas catro premisas: transparencia, emprego, servizos sociais e xuventude, “podemos desenvolver as potencialidades que ten O Carballiño, en contraposición á parálise e retroceso que estamos vivindo co goberno de Marnotes”.

Considerou “moi preocupante” a destrucción de emprego que se produciu nos meses de Novembro e Decembro no Carballiño “sobre todo tendo en conta que o goberno de Marnotes ten as constelacións alineadas axeitadamente, xa que o seu partido goberna en España, Galicia e na Deputación de Ourense, e aínda así non fai nada”.

Fumega afirmou que “se O Carballiño vai cada vez mais para atrás é debido a unha falla absoluta de xestión política, porque o alcalde está preocupado de trapalladas en lugar de atender ao que necesita á cidadanía”.

Por iso destacou que “nos imos escoitar aos cidadáns, coñecer o que lles preocupa e o que necesitan e falar con eles para que as súas propostas e demandas formen parte do noso programa de goberno, e transformar así O Carballiño”.

Estes encontros coa cidadanía terán lugar todos eles no Hotel Arenteiro ás 20,30 h.

 

 

 

1, Febreiro 2015

Tarde invernal e boa entrada de afeccionados no campo da Xunqueira de Pontevedra para presenciar o encontro de Preferente entre o filial granate e o Arenteiro. Os verdes sairon mentalizados da importancia dos 3 puntos, que lograron tras un trepidante inicio de partido con dous goles en apenas dez minutos de xogo.

CD Arenteiro: Pachi, Gele, D.López, D. Arbo, Pana, Dafonte, V.Gallego, Bardelás, Martín Pérez, D.Vázquez e M.Sotelo. Tamén xogaron Manu, Brais, Carlos e Sanginés.

Goles:

0-1. Minuto 7.  Sensacional testarazo de Dani Arbo no primeiro pau nun balón de córner lanzado por M.Sotelo.

0-2. Minuto 10. Victor Gallego plantase so ante a portería local e de tiro raso e colocado bate ao meta local.

1-2. Minuto 84. Pachi non logra atrapar un forte tiro desde fora da área e o rexeite é aproveitado por Juan.

O Partido: O gran inicio do Arenteiro foi suficiente para gañar este encontro con dous goles nos dez primeiros minutos, despois os verdes moderaron a súa intensidade, aínda asi puderon ampliar a diferencia no marcador nunha inmellorrable ocasión de Bardelás ao inicio da segunda parte. En ningún momento os pontevedreses deron sensación de poñer en perigo a victoria do Arenteiro a pesar do gol, acaso na única vez que chegaron aos dominios de Pachi. No tramo final do partido, primeiro Sanginés e logo Manu, tiveron nas súas botas ampliar a diferencia no marcador para os carballiñeses.

 

30, Xaneiro 2015

  - 6 e 13 de febreiro

ENTROIDO DE CONTO NA BIBLIOTECA .A partir das 17,30 h na Biblioteca Pública Municipal do Carballiño.  

 -Sábado, 14 de febreiro

OBRADOIRO INFANTIL DE MAQUILLAXE E DECORACIÓN DE UÑAS na Praza da Veracruz a partir das 17,00 horas

BATUKADA “BATE NO COBRE” polas rúas da vila a partir das 20,00 horas

- Domingo, 15 de febreiro

Animación musical a cargo da Charanga ESCACHAPEITOS polas rúas do Carballiño a partir das 13,00 horas

IV CONCURSO INFANTIL DE DISFRACES NON CONFUNDAS

Animación a cargo de DJ Tibu en colaboración coa Asociación de Hosteleiros a partir das 17,30 h na Praza da Veracruz

- Luns 16 de febreiro

- OBRADORIO INFANTIL DE MAQUILLAXE CON AERÓGRAFO e MÁSCARAS DE ENTROIDO

A partir das 17,00 horas na Praza da Veracruz

BAILE DE DISFRACES amenizado polas orquestras “GRAN PARADA” a partir das 21,00 horas na Praza Maior e “ATENAS” a partir das 22,30 na Pista Vermella

 en colaboración coa Asociación de Hosteleiros do Carballiño

- Martes, 17 de febreiro

- ANIMACIÓN MUSICAL a cargo da Charanga DOCTOR ANCHOA, a partir das 13,00 horas polas rúas do Carballiño

- GRAN DESFILE - CONCURSO DE COMPARSAS E CHARANGAS a partir das 17,30 horas polas rúas do Carballiño

- Baile de disfraces a cargo da ORQUESTRA “AMÉRICA S.L” a partir das 19,30 horas na Praza Maior

- Mércores de cinza, 18 de febreiro

ENTERRO DA SARDIÑA, a partir das 20,30 horas na Praza Maior

Animación a cargo de Aspadisi e da Charanga CASTRO BELLO

-Domingo de Piñata, 22 de febreiro

XXI FESTA DA CACHUCHA

Gran desfile-espectáculo de carrozas polas rúas do Carballiño a partir das 18,00 horas

30, Xaneiro 2015

Lorena Rodríguez López e María Gómez Dominguez, ex-alumnas do IES Nº1 do Carballiño, recibiron  os Premios Extraordinarios de Fin de Carreira e Grao e de Doutoramento concedidos pola Universidade de Vigo.

Lorena Rodríguez López realizou estudos de Química na devandita universidade e realiza na actualidade un Máster; pola súa parte María Gómez Domínguez rematou os seus estudos de Grao en Publicidade e Relacións Públicas e traballa actualmente en Madrid.

O acto académico tivo lugar no Salón de Actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo, coincidindo coa festividade de Santo Tomé de Aquino, patrón da Universidade.

28, Xaneiro 2015

O alcalde Argimiro Marnotes manifestou no acto de presentación celebrado no stand de Turgalicia en Fitur 2015 que " O Carballiño tiña unha débeda que agora se paga coa cidade da Coruña para dedicarlle esta festa, coa idea de ter moita presenza da festa do pulpo na Coruña e da Coruña no Carballiño".

No acto estiveron presentes o alcalde da Coruña Carlos Negreira e a tenente alcaldesa Luisa Cid, que agradeceron esta dedicatoria do concello carballiñés, asegurando que "faráse todo o posible para estar á altura doutras cidades que xa recibiron tal distinción".

Durante a presentación mostrouse tamén o cartel do artista carballiñés Xesús Carballido, que servirá par promocionar a convocatoria festivo-gastronómica.

Pechou o acto a directora xeral de turismo da Xunta, Nava Castro, recordando que "o polbo é embaixador de Galicia, e o mellor polbo do mundo cómese no Carballiño".

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS