20, Outubro 2024

Vese que hai alboroto por un comentario dun home que escribiu contra a inmigración e contra o poboado. A verdade e que estaba u home obsesionado coa xente de fóra, pero o que me fixo máis gracia e ver o pepeiro abandeirado dicindo cousas do Maduro. Só lle faltou falar do Putin, China e o Rego para completar a tríade do mal. Eu son nacionalista e de esquerdas, son galego e creo que Galiza ten que ser pos galegos, abertos os que traballen ollo,  a min que non me veñan con caralladas de que somos do mundo ou cosas así. Dito o anterior, o nacionalista anterior pasouse, pero era de extrema direira dura ollo, pero que veña o pepero de turno a darnos lecciós! Co que rouban o PP e o PSOE alimentase a África e América, ademáis dos Galegos, Catalás ou Casteláns que andamos tamén moi necesitados. O do poblado e outra vergoña, como pode ser que cos cartos do concello non se lles fagan casas en condicións para todos e se remate coa falta da limpieza do actual goberno PPSOE que está o Carballiño morto. 

Un saúdo a todos os pepeiriños quemados do Orcellón e Redores!!!

20, Outubro 2024

Un gol de Diego Gómez culminando un contragolpe de alta escola futbolista no que tamén participaron Enol e Ferreiro foi suficiente para que os máis de 1200 seguidores do Arenteiro que estaban no Couto e que non pararon de animar durante todo o partido, regresasen felices para O Carballiño.

Os verdes xogaron unha primeira parte primorosa, 45 minutos de fútbol de salón que convertiron ao partido nun monólogo futbolistico do Arenteiro, o único pero foi irse ao descanso cunha vantaxe tan curta no marcador.

Na segunda parte o Ourense fixo varios cámbios e logrou equilibrar o partido, calquera dos dous equipos pudo marcar, pero o marcador xa non se movería. Outros tres puntos que soben ao Arenteiro ao segundo posto da táboa clasificatoria na Primeira Federación, consumido xa o primeiro cuarto do campionato. Son dias de prosperidade e felicidade na parroquia do Arenteiro.

Video resumen do partido co gol do Arenteiro:

https://www.youtube.com/watch?v=sTL7d0nih_8

A ficha do partido:

https://www.resultados-futbol.com/partido/Ponte-Ourense-Cf-Senior/Arenteiro

Cronica do partido en "La Voz de Galicia": https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/2024/10/21/arenteiro-golpe...

 

 

20, Outubro 2024

Non son moi dado a escribir por este medio, pero acabo de leer o comentario dun ointe de Cope Carballiño ó que lle desagrada de forma profunda a chegada de inmigrantes venezolanos ás terras do Carballiño, e non podo deixar de contestalo. A eles achaca o ointe as pragas de bechos que sufrimos os veciños do Carballiño, e sobre todo, algo que parece afectar especialmente ó ointe: a perda de galegofalantes. Por asi decilo, o autor da última denuncia é o que decide quen é un bo e mal carballiñes. O bo, o galegofalante, con oito apelidos do carballiño, o malo, o que chega de fora coas pragas e o seu español. 

Coido que este comentario merece pouca resposta. É tan solo unha mostra de racismo e xenofobia, do excluinte a intolerante que pode a chegar o nacionalismo, sexa do tinte que sexa. Vox e o nacionalismo galego dicindo o mesmo, os extremos tócanse. Noxo de discurso, noxo de ideas. Si non hai orixinarios do carballiño, é por que os que o somos non temos fillos, por que non podemos pola situación laboral, ou por que prefirimos vivir máis cómodos sen eles, nada mais. Pero neste caso, e dado que esto parece difícil de cambiar, prefiro un carballiño con vida e bandeiras venezolanas nas rúas, que un Carballiño morto, coma sucede noutras vilas do interior de Galicia, e de España.

E por certo, para o ointe, seguramente sen discursos como o do BNG e Ana Pontón, que lexitiman o dictador Maduro, máis Venezolanos vivirían na sua patria, e non lonxe dela... Para a reflexión.

Saudos á xente de ben.

 

20, Outubro 2024

A Praza de San Pedro na cidade do Vaticano acolleu nesta mañá de domingo a celebración solemne presidida polo papa Francisco no que tivo lugar a canonización do novo santo nacido no concello de Piñor, e que desta maneira convértese no primeiro santo da comarca do Carballiño que a igrexa católica sobe aos altares.

Ademáis dun cento de persoas, entre elas veciños e veciñas do propio concello de Piñor, estiveron presentes en Roma, a maioría delas formando parte dunha perigrinaxe organizada pola Diocese de Ourense, encabezada polo bispo Leonardo Lemos. En representación do Goberno de España participou neste acto o Ministro da Presidencia, Félix Bolaño.

O papa Francisco, que loubou a santidade de Juan Jacobo Fernández, tivo un recordo especial para "a atormentada Palestina, polo Líbano e por Ucrania". Como colofón á celebración, a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense interpretou o himno do Antigo Reino de Galicia e o himno da Alegria, unha peza especialmente composta para esta ocasión.

A HISTORIA DO NOVO SANTO DE PIÑOR

O dia 9 de xullo de 1860, oito franciscanos e tres seglares foron martirizados en Damasco (Siria), a mans da minoría islamita dos drusos. Entre os mártires atopábase Juan Jacobo Fernández, nacido en 1808 en Moire, na parroquia de Santa María de Carballeda, no concello de Piñor. No lugar consérvase en bo estado a súa casa natal, e a idea tanto da Diócese como do concello de Piñor é que a mesma poida acoller un pequeno museo.

Os Mártires de Damasco, como llos coñeceu na posterioridade, foron beatificados polo Papa Pío XI no ano 1926, case cen anos despóis soben os altares da igrexa católica.

O primeiro santo co que conta a comarca do Carballiño procedía dunha familia numerosa, que o seguiu sendo despois da súa morte. Iso facilitou que o sucedesen parentes de relevancia notable.

Camilo José Cela, premio Nobel de Literatura en 1989, asegura na súa obra Xudeus, Mouros e Cristiáns, que o pai do novo santo de Piñor, do que o escritor era tataranieto, exerceu de médico no Carballiño, desde onde cruzaba correspondencia con Jean Lle Rond D'Alambert, un dos pais da Ilustración francesa.

20, Outubro 2024

Agora aparece outro colchón ao fondo da rúa. Onde os contedores da praza frente ao Gran Balneario.

Xa está ben. Multas para estes comportamentos incívicos.

20, Outubro 2024

Di o alcalde Fumega, que O Carballiño é a única vila que medra na nosa provincia, Mais non medra a vila galega do Carballiño, fráguase no seu seo unha pequena Caracas, a maiores do problema da Fontela-, cos problemas que isto supón:  deixadez institucional, terceiromundización das institucións, lixo polas rúas, sudre e pragas, asfaltado e beirarrúas en estado ruinoso en amplas zonas da vila (esto por mor da inutilidade pública)...  as bandeiras de Galicia e de España son substituídas polas das decaídas repúblicas latinoamericanas. para que xente coma Francisco Fumega, Manolo Dacal, Diego Fernández e os do Partido Pancho mamen da teta do estado a costa nosa, dos cidadáns que traballamos? Un dos problemas máis acuciantes desta nova oleada migratoria é a reducción do número de galegofalantes, pois dada a política de anormalización linguística da xunta do PPdeG, a nosa língua esmorece como ben puidemos comprobar esta semana con esa alarmante enquisa que reflicte que o galego xa é a língua minoritaria dos galegos por primeira vez en 900 anos. A maioría destes novos Carballiñeses (salvo honrosas excepcións) non mostran interés ningún en valorar a noso máis profundo sinal de identidade nin de poñelo en práctica.

Por outra parte, a manipulación electoral do censo producido polas regularizacións e a política clientelar do concello PP-PSOE e da mediocre oposición da lugar a fraudes que se ben son na práctica legais, son totalmente inaceptables,

Coñezo ben aos indianos, pero estes que "fan medrar ao Carballiño" non son precisamente os homes e mulleres que tiñamos coñecido e que axudaron a construi-lo noso pobo.

Recapitulando, o problema da infravivenda e enchufes ilegais, á beira do Carrás, a carón do domicilio do rexedor municipal e diante do centro de saúde; ademáis da colonia chabolista en plena entrada á vila, no cruce das principais arterias do Carballiño (N-541, OU-504 e AG-54) deixando de lado os evidentes problemas de imaxe que tan ominoso espectáculo ofrecen aos transeúntes e turistas que atravesan a nosa vila, é un foco de insalubridade e inseguridade, (polo menos cos cartos que recauda o concello de Maside, chegará para mercarlles unhos tendedoiros e que non teñan que facer uso dos quitamedos e dos carteis termais do Fumega&cia), se houbo 200000 euros para facer o pendello da intermodal, tamén os haberá para arranxar estes problemas.

Un saúdo e moitas grazas por habilitar este espazo para a libre expresión dos cidadáns.

 

 

 

 

 

18, Outubro 2024

Na Tertulia deste venres 18 de outubro, participan Sebas Lamazares, Fátima Gómez, José Antonio Barge e Manuel Nogueira, moderados por Xan Pinal.

Tamén foi destacada a participación da audiencia de COPE O Carballiño, sumandose coas súas opinións e comentarios a este animado tempo de tertulia.

Escóitao aquí:

17, Outubro 2024

O alcalde Francisco Fumega acudíu, como fai periodicamente, aos estudios de COPE O Carballiño, e no programa de mediodia presentado por Xan Pinal, o rexedor municipal atendeu as queixas e suxerencias da audiencia desta emisora de radio.

A unha destas preguntas, o rexedor municipal repasou e defendeu a xestión económica desde o seu acceso á alcaldía do Carballiño, asegurando que "collín un concello con catro millóns de débeda e hoxe está totalmente saneado, temos músculo económico, e pagamos aos proveedores en 30 dias, agora todo o mundo quere venderlle ao concello", resaltou.

Escoita a intervención íntegra de Fumega no PODSCAT de COPE O Carballiño:

16, Outubro 2024

A agrupación organiza un evento de música e baile tradicional que terá lugar o próximo sábado 19 de outubro, na Estación de Tren de O Irixo.

O encontro comezará ás 18:00 h cun obradoiro de baile tradicional que impartirá o profesor da escola, Ismael Rodríguez. Ao remate deste, ás 19:00 h iniciarase a foliada cos grupos invitados: “Xunquereteiras”, “Pandeireteiras de Zobra”, “Ferreñas do Testeiro”, “Airiños de Arnoia”, “Cuarteto Tradicional de A Carballeira”, “Grupo de música da EMBT Rebulir”, “Xúa” e “Pandeireteiras Celavella”.

Como remate desta segunda parte do serán e inicio da foliada libre ás 22:00 h, dende a Banda de Gaitas e Danzas O Irixo propoñen a divertida interpretación conxunta do baile tradicional do “Esparabán do Incio”, actividade que tivo gran aceptación entre o público da pasada edición do evento. A foliada libre estenderase durante o resto da noite e promete manter un ambiente festivo ao máis puro estilo da nosa cultura tradicional.

Dende a organización anuncian que ante a probabilidade de chuvia e frío, o evento transcurrirá baixo carpas nas que haberá venta de bebidas e bocadillos quentes.

Estará á venta o merchandising do II Serán de Outono e de participacións para numerosos sorteos que se rifarán durante a foliada, as cales se poden mercar de forma anticipada ou o propio día do evento.

15, Outubro 2024

O Grupo Provincial Socialista reclama na Deputación de Ourense a disolución do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (INORDE) a que “a Corporación Provincial asuma as misións e proxectos que supostamente (este) desenvolve”.

“As funcións que desenrola o INORDE son unha inquedanza manifestada en sucesivos mandatos polo noso Grupo Provincial a través de preguntas e requirimentos, aínda que nunca se materializou nunha moción concreta, como agora é o caso”, explicou o voceiro socialista, Álvaro Vila.

Desde o momento da súa creación, en 1987, o INORDE preséntase coma un “organismo autónomo” con independencia económica e administrativa “para a realización das súas fins”. “Na práctica resulta que o Instituto non ten autonomía financeira, xa que o seu financiamento depende arredor dun 70% das achegas da propia Deputación”, explicou Vila. A aportación en 2024 da Deputación de Ourense ao INORDE ascende a 2.369.000 euros sobre un orzamento total de 2.856.204 euros, sendo “mínimos” os fondos que capta doutras administracións e proxectos comunitarios, estatais e europeos.

O voceiro socialista subliñou que, amais da súa dependencia económica da Deputación, o INORDE tamén está supeditado administrativamente e operativamente á Corporación Provincial. A modo de exemplo, Vila explicou como as funcións de asesoría legal corresponden ao secretario xeral da Deputación e as labores de control e fiscalización recaen no interventor da propia Corporación. Segundo dixo o voceiro socialista, “o Instituto está absolutamente supeditado aos recursos, escrutinio e control da Deputación, que determina as súas liñas de actuación e designa aos seus responsables existindo de facto un réxime de tutela”. Máis eficiencia e transparencia “Xunto coa ausencia de autonomía e o redobramento que implica o INORDE da propia acción da Corporación Provincial, o Instituto tampouco é modelo de eficacia nin transparencia”, engadiu Vila.

O político abondou en fitos como a ineficacia administrativa, desperdicio de recursos, rixideces organizativas, eivas na coordinación estratéxica e falta de transparencia na toma de decisión e xestión do INORDE. “Unha serie de elementos que fan que Instituto non sexa unha entidade protagonista no desenvolvemento provincial”, conclúe Vila. Porén que en 2024 os gastos de persoal representan un 40% do orzamento do INORDE, en exercicios anteriores este representaba entre o 50-70% do total de recursos do Instituto. Na proposta socialista, que será debatida no pleno do vindeiro 25 de outubro, contémplase a eliminación dos cargos políticos e a integración do persoal do INORDE “nos departamentos acaídos da Corporación Provincial en función dos seus perfís e experiencia profesional”. “A disolución do INORDE aspira a modernizar a administración provincial, introducir mellores prácticas no seu cotiá, centralizar servizos para evitar de duplicidades e reducir estruturas, que sexan moito máis eficientes economicamente e, sobre todo, transparentes a ollos da cidadanía de Ourense”, debullou o voceiro do Grupo Provincial Socialista.

Páxinas

Subscribirse a Copecarballiño.es RSS